Master Mateo (1929) de Juan Luís López GarcíaThe Catedral de Santiago Foundation
Ao longo dos séculos, a Catedral foi un espazo de creación artística no que se plasmaron as principais transformacións da arte europea. Entre talleres e autores anónimos, algúns nomes propios deixaron pegada na colección e no desenvolvemento da pintura galega.
Chapel of Sancti Spiritus (16th century)The Catedral de Santiago Foundation
A pintura no Renacemento
No século XVI, a renovación do edificio catedralicio e a apertura de novos espazos impulsou a demanda de encargos de mobiliario e elementos decorativos. As obras adquiridas durante esta centuria introduciron unha evolución estilística cara o Renacemento.
Juan B. Celma
Juan Bautista Celma (1540-1608), pintor, escultor e reixeiro aragonés, foi unha figura clave no Renacemento galego. Establecido en Santiago en 1564, deixou a súa pegada por distintos encargos da catedral, cos que integrou o manierismo italiano na arte sacra compostelá.
Realizou unha serie de cinco táboas que representaban os Misterios Gloriosos pintados polas dúas caras. Dela só se conserva un fragmento que amosa, no seu anverso, a Resurrección, e no reverso, a Adoración dos Magos, reflexando o seu coñecemento da pintura italiana.
Mural painting in the main chapel and transept of the Cathedral of Santiago (1764-1768) de Gabriel FernándezThe Catedral de Santiago Foundation
A chegada do Barroco
Nos séculos XVII e XVIII, a catedral imprégnase de Barroco: o protagonismo do arcebispado deses anos e unha nova espiritualidade, impulsada polo Concilio de Trento, promoven que mecenas e artistas desenvolvan unha pintura de maior carga emotiva e intención pedagóxica.
Juan A. García de Bouzas
O compostelán Juan Antonio García de Bouzas (1680-1755) é considerado o principal pintor do barroco galego. Tras estudar con Luca Giordano en Madrid, traballou durante 39 anos como pintor titular da catedral, conservándose un bo número de óleos da súa autoría.
O seu Santiago Sedente reproduce o modelo escultórico do Mestre Mateo para o altar maior. Decorado con elementos característicos desta centuria, introduce novidades coma a esclavina, os medallóns con Teodoro e Atanasio, e símbolos xacobeos, coma a cabaza e o zurrón.
Life of Saint James the Greater (1780) de Manuel Arias VarelaThe Catedral de Santiago Foundation
A escola compostelá de pintura
Na primeira metade do século XVIII, formou unha temperá "escola de pintura" en Compostela, instruíndo a discípulos como Domingo de Uzal, Manuel Arias Varela ou Gabriel Fernández, que deixaron pegada na colección de arte da catedral e nos seus espazos.
Domingo A. de Uzal
A colección catedralicia conserva pezas de tales discípulos, coma esta de Domingo A. de Uzal, na que representa un tema que tivo especial difusión no século XVIII: Santiago aparecendo na Batalla de Clavijo, en axuda das tropas de Ramiro I contra os sarracenos.
Gregorio Ferro
Despois de formarse na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Gregorio Ferro (1742-1812) volveu a Galicia para alzarse coma un dos principais representantes do academicismo. As cinco obras que acolle a colección resumen os preceptos do gusto neoclásico.
A obra representa o perdón de Cristo á muller adúltera, mediante unha composición equilibrada e figuras que interactúan de xeito teatral. As columnas salomónicas que estruturan a escena e a paleta cromática vibrante reflexan a transición de Ferro ao neoclasicismo.
Ecce Homo and Our Lady of Sorrows (1848) de Juan J. Cancela del RíoThe Catedral de Santiago Foundation
A pintura contemporánea
No século XIX, o templo vive unha crise sociopolítica que afecta aos encargos artísticos. Co redescubrimento do sepulcro apostólico en 1879, impulsáronse novas obras e proxectos que propiciaron un momento dourado para a pintura que chega ata os nosos días.
Modesto Brocos y Gómez
Modesto Brocos (1852–1936) foi un pintor e gravador compostelán que, tras formarse en Europa e América, se estableceu en Brasil. Regresou temporalmente para pintar, en Roma, a súa obra máis persoal: unha homenaxe ás tradicións xacobeas que dixo ter “soñado antes de ser pintor”.
Finalizado en 1899, o tríptico ilustra importantes episodios xacobeos: a Predicación, a Traslación dos seus restos e a Inventio, enmarcadas por unha arquitectura inspirada na catedral. Consérvase na sacristía, afastado do público, despois de ser exposto en París en 1900.
O pintor Juan Luis
Juan Luis López (1894-1984), formado en grandes cidades europeas, aplicou ao costumismo influencias simbolistas e posimpresionistas. Figura clave da Xeneración do 16, foi laureado nas Exposicións Nacionais de 1917 e 1922, obtendo encargos da Igrexa compostelá.
O Tríptico de Pentecoste, encargado para un novo altar en 1920, fusiona o estilo gótico con influencias modernas do autor. María e os apóstolos protagonizan a táboa central, mentres que San Francisco y Santa Sabela de Portugal, santos peregrinos, ocupan as laterais.
Panels for the Ibero-American Exposition of Seville (1929) de Juan Luis López GarcíaThe Catedral de Santiago Foundation
Paneis para a Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929
Estes oito paneis de Juan Luis, encargados para a Exposición Iberoamericana de 1929, marcan unha nova etapa na súa obra, afastada do simbolismo e prerrafaelismo. Con influencias do puntillismo e Van Gogh, ilustra a historia de Compostela e a construcción da catedral.
Chapel of San FernandoThe Catedral de Santiago Foundation
A colección pictórica catedralicia, a través de obras e autores, narra o pulso de cada época: os cambios sociopolíticos, os seus intereses e sensibilidades. É un legado vivo que ilumina a evolución artística de Galicia e o papel clave do templo ena historia de Compostela.
Dirección: Ramón Yzquierdo Peiró
Textos: Ana Eiroa Candal
Imaxes: Fundación Catedral de Santiago
Esta exposición forma parte do proxecto Historia Pinxit. Espazos, temas e personaxes na pintura da Catedral Compostelá, enmarcado dentro do programa FO200 de subvencións a fundacións e a entidades sen fins de lucro da Provincia de A Coruña titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas para o desenvolvemento de actividades culturais ao longo do ano 2024 da Deputación da Coruña.